Sunday 28 de April de 2024

Aparece a carón de Negreira a cápsula Marumasat III


Conseguiuse recuperar grazas ao localizador de aves que incorporou un estudante do IES Maruxa Mallo afeccionado á cetrería

A 3 quilómetros de Negreira e a escasos 250 metros da estrada DP 5603. Esta era o punto no que durante todos estes días permaneceu a cápsula estratosférica Marumasat III, lanzada a 35.000 metros de altura o pasado luns dende o IES Maruxa Mallo como experimento académico. Dende o seu lanzamento a media mañá perderase todo o contacto aos 13 quilómetros de distancia, e coa hipótese de que se precipitou en Outes.

Dende entón todas e todos os implicados no proxecto denominado ‘Niño no faro’ trataban de atopala por tódolos medios sen conseguilo. Incluso o alcalde de Ordes contactou coa súa homóloga de Outes para solicitarlle axuda. Os sistemas GPS non respondían e pouco a pouco as esperanzas ían desvanecéndose a medida que pasaban os días.

Pero foi a experiencia do cetreiro local Rafael Regos Martínez, campión provincial hai un par de anos, estudante do mesmo centro e participante neste proxecto, a que tarde lle deu un xiro á situación. E todo grazas ao localizador que introduxo dentro da mesma cápsula e que funciona mediante un sistema denominado de triangulación. O mesmo que emprega cos seus falcóns, águias, azores e demais aves rapaces que crían na súa vivenda, en Ordes.

Sinal moi débil
Sempre coa axuda do seu pai, tamén experto cetreiro, xa o pasado mércores pola tarde se achegaron ata a zona na que pensaban que podía estar a cápsula. “Recibimos un sinal moi débil. O tempo botóusenos enriba e non poidemos continuar ata hoxe”, explican. “Falamos coa Sociedade Galega de Cetrería para que nos botaran unha man encendendo de cando en vez as súas emisoras e ver si así captaban algún sinal. O bo disto é que, a diferencia do GPS, a pila que leva o dispositivo dura varios días”.

Pero ninguén chamou para darlles unha alegría. Así que hoxe durante horas e horas Rafa pai e Rafa fillo atravesaron silveiras, fragas e chousas tendo como único guía o son do seu equipo. “A intensidade vai aumentando segundo se acorta a distancia e se atina mellor coa dirección á que orientas o localizador que levas contigo”. Con isto, a rapidez dos seus pasos e as esperanzas medraban proporcionalmente cos pitidos emitidos.

E por fin apareceu! Rodeada de fieitos eso si. E o globo de helio, ou máis ben o que queda del, enganchado nas polas dos carballos darredor. “A simple vista a cápsula está en bo estado. Un pouco mollada pola chuvia pero está ben”, asegura Rafael Regos.

Agora toca esperar ata o vindeiro luns para poder abrila. “Farémolo no instituto e queremos documentalo todo cunha reportaxe fotográfica e gravación de vídeo”, indica Xosé Manuel Fernández, un dos responsables do proxecto, no que tamén participaron os IES Marco do Camballón, Miraflores e Xelmírez II, de Vila de Cruces, Oleiros e Santiago respectivamente.

Entre outros experimentos o Marumasat III tiña como prioridade a captación de imaxes estratosféricas de fenómenos como o ocaso da lúa diúrna”. Outro dos seus obxectivos era facer nacer vida na estratosfera, depositando un ovo de abella obreira que debería eclosionar durante o seu paseo aéreo co reto de que o insecto regresara con vida á superficie terrestre. Está claro que dende o luns xa van demasiados días para que un insecto permaneza encerrado nunha cápsula. Para averigualo seguro que máis dun e dunha xa están pensando no seguinte lanzamento. Os estudantes e profesorado do Maruxa Mallo son así.